Wednesday 01 de May de 2024

O FIRC e o FEC encherán o auditorio de Santa Margarida de rock e electrónica esta fin de semana Angelus Apatrida, Black Panda, Leftlovers e Morgen actuarán o venres a partir das 20.00 horas


O sábado 19, Alisha Rose, Baldo, Cintia Martis, Isaac Peces, James Ruskin e Roi, entre outros, subiranse ao escenario desde as 17.00 horas

Esta fin de semana o parque de Santa Margarida acollerá unha nova edición do Festival Independente Rock Coruñés (FIRC) e o Festival de Electrónica Coruñés (FEC). Dúas das citas imprescindibles da escena alternativa local que se suman á programación do Concello da Coruña para as Festas de María Pita 2023, dando un espazo central ao rock e á música electrónica no marco das celebracións da cidade.

A primeira cita será o venres co FIRC, un evento recuperado o pasado ano polo Goberno de Inés Rey logo de varios anos de ausencia, e que se consolida este ano como parte da programación tradicional das Festas. Nesta edición, as bandas Angelus Apatrida, Black Panda, Leftlovers e Morgen serán as encargadas de poñer as guitarras a soar no parque de Santa Margarida, dende as 20.00 ata a 02.00 horas. A entrada é libre.

O sábado 19 de agosto será a quenda do FEC, que repite por terceiro ano consecutivo no parque de Santa Margarida tamén como parte da programación das Festas de María Pita.
Ao escenario subiranse Alisha Rose (DJ), Baldo (VJ) e Cintia Martis (DJ) como cabezas de cartel, que completan Isaac Peces (DJ), James Ruskin (DJ), Roi (DJ), Sergio Amaro (DJ), The Exaltics (live) e The Panic Room (VJ). A xornada comezará ás 17.00 horas e finalizará ás 03.00 horas aproximadamente, sendo un total de 10 horas de música electrónica de balde, dando a oportunidade de coñecer a diversos artistas do espectro no marco das festas locais.

Tanto o FIRC como o FEC fundamentan a súa liña de programación na integración no seu cartel de artistas consagrados con bandas locais, de forma que o público poida coñecer, desde a proximidade e de forma gratuíta, as propostas de figuras pouco habituais no circuíto de salas ou festivais galegos, á vez que se pon en valor o traballo de artistas emerxentes ou cunha traxectoria consolidada na escena coruñesa. Ambos os dous festivais enmárcanse dentro das políticas de promoción da cultura e da música locais que está a levar a cabo o Goberno de Inés Rey.

Horarios
FIRC (Festival Independiente Rocl Coruñés) – Venres, 18 de agosto
– 20.00 horas. Jordi Pánico DJ
– 21.00 horas. Leftlovers
– 22.20 horas. Morgen
– 23.35 horas. Angelus Apatrida
FEC (Festival de Electrónica Coruñés) – Sábado, 19 de agosto
– 17.00 horas. Isaac Peces (DJ) – Baldo (VJ)
– 18.30 horas. Alisha Rose (DJ) – Caskbel (VJ)
– 20.00 horas. Sergio Amaro (DJ) – The Panic Room (VJ)
– 21.30 horas. The Exaltics (Live) – Caskbel (VJ)
– 22.30 horas. Cintia Martis (DJ) – Caskbel (VJ)
– 00.00 horas. Roi (DJ) – The Panic Room (VJ)
– 01.30 horas. James Ruskin (DJ) – Baldo (VJ)